Por que o teu bebé recén nacido quere colo?

Colo, liberdade e benestar

Por que o teu bebé recén nacido quere colo?

22/01/2019 A partir de 6 meses 1

Só quere sobrevivir. Así de sinxelo.

Parece mentira, pero aínda escoitamos moito iso de: “déixao no berce que despois se che acostuma ao colo e xa verás…”
Pero, en realidade, ao que se acostuman non é ao colo, senón ao berce. Máis que acostumarse o que acontece é que se resignan.

En xeral é algo no que non reparamos, pero a especie humana, aínda se nacemos a término (entre a semana 37 e a 42), nacemos de forma prematura respecto doutras especies. Imaxinade un becerriño recén nacido. É capaz de poñerse en pé en canto nace, e mesmo camiñará xunto a súa nai e a seguirá onde vaia. Un bebé humano, comezará a desplazarse por si mesm@ arredor dos 9 meses! Este exemplo tan sinxelo, dá idea do noso nivel de dependencia cando abandonamos o útero materno.

Para que un bebé humano nacera cun grado de desenvolvemento equivalente ao de un bebé chimpancé, necesitaría unha xestación de entre 18 e 21 meses.   O gran tamaño da nosa cabeza (froito da nosa capacidade cerebral) unido ao estreito da nosa pelvis (froito da bipedestación) obriga a que nazamos “antes de tempo”. É o coñecido como dilema obstétrico.

A especie humana actual é a especie que logrou unha locomoción bípeda máis perfecta. Somos os mellores camiñantes, pero para iso os nosos fémures tivéronse que aproximar e como consecuencia estreitouse a canle do parto (Juan Luis Arsuaga, 2018)

Bipedestación e evolución pelvis femenina

 

O segundos 9 meses de embarazo: a xestación exterior

Cando falamos do periodo de xestación, adoitamos pensar nos 9 meses que o bebé pasa dentro do corpo da nai. Porén, tras ese periodo de xestación no útero comezan os segundos 9 meses xestación. O parto non é un punto e a parte na relación nai-bebé, non se convirten en seres independentes senón que a relación de dependencia continúa, fóra do útero, despois do parto.

Qué pasa cando o bebé nace? Como cambia a súa percepción do entorno?

A saída ao exterior faise sen periodo de adaptación e o novo escenario resulta realmente hostil.

  • Antes non tiña que preocuparse do alimento, nin de estar quente. Agora o bebé experimenta sensacións descoñecidas como a fame ou o frío.
  • Non pode desprazarse. Se houbera un perigo estará indefenso.
  • O seu medio cambia: dun medio acuático pasa a un medio seco.
  • Abandona o entorno acotado do útero e chega a un espazo infinito. As súas mans, o seu corpo, non atopan os límites.
  • Deixa un lugar no que todas as percepcións sensoriais  se reciben “amortiguadas” e chega a un espazo onde escoita, ve, sinte… dun xeito completamente distinto.
  • Non é quen de comunicarse con palabras. Irá encontrando o xeito de facerse entender. O máis efectivo: os choros.

Nesa nova realidade, o corpo da nai segue sendo o seu espazo de seguridade. O cheiro, latexo, temperatura e sabores da nai, son recoñecidos polo bebé como “a súa casa”. A bioloxía non entende de realidades sociais. O corpo que o bebé espera atopar é o da nai; é aí onde se sentirá seguro. Sentirá que a súa supervivencia está garantizada e iso reducirá os seus niveis de estrés.

Método Nai Canguro está recomendado pola OMS en caso de nacementos prematuros ou a término con baixo peso, e comeza a implantarse nas unidades de neonatoloxía dos hospitais con protocolos de atención ao parto e nacemento máis actualizados. Un bebé pegado ao corpo da súa nai ten moitas ferramentas para sobrevivir.

  • Chega ao alimento se o precisa. Ten máis oportunidades de mamar e é o bebé quen decide cando necesita comer e por canto tempo.
  • O peito da nai regula a temperatura, subindo (+2º) ou baixando (-1º)  en función das necesidades.
  • Recibe masaxe de contacto que favorece o bo funcionamento do sistema dixestivo.
  • Mantén un ritmo cardiaco estable.
  • Aprende antes os patróns respiratorios. Faino por imitación. A respiración de nai e bebé acaban por sincronizarse.
  • Todo o que beneficie a regulación dos distintos sistemas (dixestivo, respiratorio, cardiaco…) favorece ademais a regulación do sistema nervioso.
  • Mellor xestión do estrés. O bebé aprende dende o seu hábitat natural a relacionarse co mundo exterior.

Como pode o porteo axudarnos no día a día co noso bebé recén nacido?

As primeiras semanas de vida dun recén nacido son difíciles. Aínda supoñendo que tiveramos un bo parto, e que o posparto e lactación sexan sinxelos, a chegada d@ nos@ fill@ trae consigo novas rutinas, a necesidade de coñecerse mutuamente, unha reubicación no persoal, na parella, na casa…

Para min o porteo foi unha forma de sobrevivir. Quizais vos soe esaxerado pero se falades con calquera familia porteadora seguramente coincidirá nesta expresión. Que plus nos aporta o portabebés?

  • Establece límites físicos. As crianzas están afeitas a ser “sostidas” no seo materno, así que cando as colocamos nun fular,  o seu corpo volve a ter límites provocando sensación de seguridade e confianza.
  • O bebé necesita colo e nós precisamos mans. Portear vai permitir que recuperamos liberdade e autonomía: lavar os dentes, pasear ao can, viaxar en transporte público… TODO é moito máis doado.
  • O feito de levalo porteado, permite que o observemos continuamente. Así descubrimos antes as súas necesidades.
  • Choran menos e durmen máis. Algo tan sinxelo fai que nos sintamos pais e nais competentes. Sentímonos confiad@s e iso redunda na nosa tranquilidade e na de toda a familia.
  • Evitamos posturas incorrectas porque un portabebés ben colocado, e axeitado ás características do nos@ bebé, reparte o seu peso de forma homoxénea polos nosos hombros, espalda e cintura.

Os mellores portabebés para recén nacid@ son os fulares (tecidos ou elasticos), mey tais e mochilas sempre que sexan evolutivas. Calquera deles se adaptará perfectamente a verán e inverno.

Se estás pensando en portear pero non sabes por onde empezar, pasa pola tenda especializada que teñas máis a man e pregunta. Portear farache a vida máis sinxela.

 

Un comentario

  1. Hi, this is a comment.
    To get started with moderating, editing, and deleting comments, please visit the Comments screen in the dashboard.
    Commenter avatars come from Gravatar.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *